AODEMPER goza dunha ruta náutica adaptada polo Baixo Miño
AODEMPER participou nunha ruta adaptada en barco polo Baixo Miño, unha actividade organizada a través da asociación Vontade xunto co clube deportivo Sen Amarras co obxectivo de promover o lecer inclusivo, a convivencia e o contacto coa natureza.
A excursión, desenvolta na contorna de Goián, permitiu aos participantes gozar dunha agradable travesía polas augas do río Miño, contemplando a riqueza paisaxística e ambiental dunha das zonas máis emblemáticas da comarca. A actividade estivo adaptada ás necesidades das persoas asistentes, garantindo a accesibilidade e a seguridade durante toda a xornada.
Ademais do valor recreativo da iniciativa, a saída serviu para fomentar as relacións sociais entre os participantes, compartir experiencias e reforzar vínculos. Desde a organización destacaron a importancia de impulsar este tipo de propostas, que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e favorecen a súa participación activa na sociedade.




