A Xunta entrega o premio Galicia de Acción Voluntaria 2022 á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras
Noticias

Noticias

  • Home
  • Sin categorizar
  • A Xunta entrega o premio Galicia de Acción Voluntaria 2022 á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras
20 de Maio de 2023

A Xunta entrega o premio Galicia de Acción Voluntaria 2022 á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras

Con este galardón ponse en valor o traballo de sensibilización e de apoio que realiza esta entidade para que as persoas con algunha destas patoloxías poidan ter unha vida activa

Ourense, 20 de maio de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo hoxe en valor o traballo solidario que realizan as entidades de voluntariado, das que sinalou que son un exemplo de compromiso coa mellora da sociedade e da contorna na que desenvolven a súa actividade. Díxoo na entrega do premio Galicia de Acción Voluntaria 2022 na categoría de mellor proxecto á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (Aodemper).

No acto, que tivo lugar no Liceo Recreativo, tamén participou o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén. Os dous responsables da Xunta destacaron o labor de sensibilización e de apoio que realiza Aodemper para que as persoas con esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras poidan ter unha vida activa e conten con axuda para realizar actividades.

Os premios Galicia de Acción Voluntaria naceron no ano 2020 para premiar a colaboración e o altruísmo que mostran entidades e persoas voluntarias. Así mesmo, con estes galardóns dáse visibilidade e recoñécese todo o traballo de voluntariado que se fai na nosa Comunidade.